Outra idea de Galicia

Miguel-Anxo Murado

Fragmento

Prefacio á edición galega

Prefacio á edición galega

Este libro pensouse para explicarlles Galicia aos non-galegos. Formaba parte dun proxecto editorial ao que debían seguir outros volumes sobre Cataluña e o País Vasco. O libro naceu, pois, dunha encarga. Porén, para min foi a oportunidade, esperada durante moitos anos, de sistematizar as miñas ideas sobre o país e poñelas por escrito. Nese sentido, o libro naceu, no fondo, da necesidade de explicarme Galicia a min mesmo. Gustábame, sobre todo, a idea de escribir cunha certa distancia (de aí que se fale dos galegos en terceira persoa), e facelo sen dar por suposto ningún coñecemento previo no lector. Porén, tiña a impresión, xustamente por isto, de que o libro non ía chamar demasiado a atención na propia Galicia.

Non foi así. Nada máis saír, o libro acadou un éxito inesperado, e sobre todo en Galicia. Isto quere dicir algo, quizais que existía a necesidade dunha nova síntese sobre o país no século XXI. O máis interesante para min foi que o libro serviu para espertar o interese por Galicia en moitos lectores galegos que ata ese momento non reflectiran demasiado sobre o lugar onde viven, e que atoparon nesta «Outra idea de Galicia» unha maneira de conectar co país. Os clixés, os malentendidos e os prexuízos dos foráneos serviron así como unha metáfora dos prexuízos dos propios galegos respecto de si mesmos.

A moitos outros lectores que, en cambio, resultaron ser bos coñecedores do país, quizais, lles atraeu do libro o que tiña de «teoría de Galicia», de esforzo non só por contala senón tamén por darlle un sentido. Estes son os lectores que desde o primeiro momento viñan reclamando unha edición en galego do libro. Ao primeiro, pensei que esa edición debía implicar cambios no texto para adaptalo a un público ao que non hai que explicarlle quen era Castelao ou que Meira está en Lugo. Porén, ao final cheguei á conclusión de que era mellor traducir o texto tal como está, en parte por preservar a unidade do texto, pero sobre todo, precisamente, porque o valor que poida ter este libro está nesa certa distancia e nese non dar nada por suposto. Actualicei, iso si, os parágrafos referidos ao presente. Isto, e algún pequeno cambio cosmético, son toda a modificación que contén esta edición galega que o lector ten nas mans.

Non me queda máis que agradecer especialmente á editorial Debate, e ao meu editor Miguel Aguilar, por este esforzo insólito de aceptaren publicar o seu primeiro libro en galego, un experimento interesante en si mesmo.

MIGUEL-ANXO MURADO

Madrid, Maio, 2013

1. O rostro do país

1

O rostro do país

O nome de Domingo Fontán non lle dirá gran cousa ao lector e é, seguramente, un personaxe improbable para comezar unha historia de Galicia. Algunhas desas historias tan só o mencionan, a meirande parte nin sequera iso. Mais este libro non é unha historia de Galicia senón un percorrido por ela, un intento de comprendela. E para paseos por Galicia ninguén mellor que don Domingo Fontán (1788-1866), topógrafo e catedrático de «matemáticas sublimes» da Universidade de Santiago, home de extraordinaria cultura e paciencia. Nada mellor para este libro moderadamente heterodoxo que a advocación do moderadamente heterodoxo Fontán: universitario xa aos doce anos, deputado a Cortes, astrónomo, promotor do ferrocarril, creador da primeira fábrica de papel de Galicia e político represaliado polo seu liberalismo (dúas veces foi privado da cátedra).

E por que Fontán? De primeiras, porque, polo que sabemos, foi a primeira persoa que decorreu Galicia á pé. Toda Galicia, sen a excepción dunha aldea. Fíxoo para levar a cabo a grande obra da súa vida: o primeiro mapa topográfico e trigonométrico moderno do país. Partindo da torre do reloxo da catedral de Santiago de Compostela, onde estableceu o «punto cero» da medición, e portando o valioso teodolito que encargara a un óptico en París, don Domingo botouse aos camiños para se converter nun personaxe celebérrimo en cada comarca pola que ía pasando, e ao que os paisanos trataban cunha mestura de reverencia e conmiseración, as que lles merecía un sabio que tiña o comportamento dun tolo.

Fontán non era para nada un tolo, senón posiblemente a persoa máis perfeccionista que teña dado Galicia. Tan en serio tomous o seu traballo que o grao de detalle que acadou no seu mapa so se deu superado hai moi poucos anos, e iso coa cartografía feita por satélite. Cando ao cabo rematou en 1834, pódese dicir que concluíu algo máis que unha proeza cartográfica (o resto de España non vai contar cun mapa así ata cento trinta anos despois). Non, o de Fontán lindou entre o mítico e o poético, porque ao longo dos seus dezasete anos de percorridos solitarios a pé e da cabalo chegou a coñecer persoalmente a case que todos os galegos vivos naquela altura, ademais de todas e cada unha das súas vilas, vales, ríos e montañas. Raramente terá habido unha comuñón máis completa entre unha persoa e un territorio, entre un estudoso e o seu obxecto de estudo, entre un habitante e o seu país. Máis aínda: a todos eses lugares que visitou, Fontán tomoulles a medida, literalmente, poñéndoos (tamén literalmente) no mapa, compoñendo deste xeito o que Álvaro Cunqueiro chamou, en tons líricos, «o rostro do país.»

Era. Mais hai un senso aínda máis fondo na experiencia do mapa de Fontán que a súa poética ou a súa épica. O matemático levantouno porque estaba convencido de que non se podía mellorar Galicia sen un coñecemento profundo da súa xeografía, empezando polo mapa. Ao confeccionar o del, Fontán localizou, por poñer un caso, máis de catro mil igrexas aínda non catalogadas (Poucas cousas se lle pasaban a don Domingo, agás, curiosamente, a súa propia vila natal, Porta do Conde, que tivo que engadir ás presas ao mapa xa gravado...)

O que aquí nos interesa é que Fontán levaba razón: Galicia está na súa xeografía. Como imos ver, a súa historia é, en moi grande medida, a súa xeografía; como tamén a súa economía está na súa xeografía. Sen caer en determinismos, o que fai singular a Galicia é a súa xeografía física, que é tanto como dicir a súa aparencia. Esta foi á vez a que deu orixe a unha xeografía humana ben singular e, se cadra, a non poucas das súas institucións políticas e mesmo culturais. A explicación de Galicia, se é que existen as explicacións para os lugares, haberá que buscala, pois, menos nos arquivos, nos diplomas e os decretos, e máis

Suscríbete para continuar leyendo y recibir nuestras novedades editoriales

¡Ya estás apuntado/a! Gracias.X

Añadido a tus libros guardados